[2012-09-26 18:00:00] O Centro Dramático Galego convoca o I Premio Roberto Vidal Bolaño ao Espectador como iniciativa destinada a fomentar a actitude participativa entre o público teatral.
De carácter anual e vinculado á temporada de exhibición do Salón Teatro, o galardón nace co obxectivo de recoñecer as achegas dos asistentes aos espectáculos programados no espazo escénico compostelán sede do CDG.
Un xurado integrado polos propios traballadores da compañía pública valorará o interese, de todas as suxestións, opinións ou comentarios que os espectadores fagan chegar a través das fichas que poderán cubrir e depositar na caixa que para tal fin se situará á saída de cada unha das representacións. Deste xeito, xulgarase a suxestión máis atinada, a máis brillante, a máis audaz, a máis reflexiva, a máis construtiva…
O espectador ou espectadora que reciba o galardón conseguirá un abono anual para asistir de balde a todas as funcións do Salón Teatro da seguinte temporada, así como un lote das obras completas de Roberto Vidal Bolaño.
As suxestións poderán comezar a depositarse por escrito a partir do inicio da temporada de representacións 2012-2013, que se abre o próximo venres 5 de outubro coa estrea da nova produción do CDG O profesional.
Na mesma ficha que se utiliza para optar ao Premio Roberto Vidal Bolaño, os espectadores poderán emitir tamén a súa propia valoración concreta deste ou de calquera outro espectáculo dos programados, estimando nunha escala do 1 ao 5 aspectos como Valoración global, Son, Iluminación, Posta en escena, Elenco e Orixinalidade.