AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O XIX FESTIVAL INTERNACIONAL DE TEATRO UNIVERSITARIO DA USC CELÉBRASE DESDE HOXE E ATA O SÁBADO NO ESPAZO COMPOSTELÁN, CUNHA FUNCIÓN DIARIA ÁS 21.00 HORAS

Cinco compañías universitarias actúan esta semana no Salón Teatro de Cultura e Educación dentro da nova edición do FITU

[04/03/2013] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) no desenvolvemento do XIX Festival Internacional de Teatro Universitario, que se celebra desde hoxe e ata o sábado 9 no Salón Teatro. Cinco compañías universitarias de Galicia, Murcia, Poloña e Portugal amosarán os seus últimos espectáculos no espazo escénico da Xunta de Galicia, que durante esta semana acollerá unha representación diaria ás 21.00 horas.

detalle do cartaz

Á fronte da organización desta décimo novena edición do FITU, a Aula de Teatro da USC é tamén a encargada de inaugurar hoxe esta carteleira coa súa versión da obra de Rodrigo García Agamenón. Volvín do supermercado e dinlle unha malleira a meu fillo, coa que mañá repetirá función no Salón Teatro.

Achega internacional
A achega internacional virá da man da compañía polaca Nie Ma, da Universidade de Szczecin, que o mércores 6 porá en escena o seu espectáculo Magic Night, así como do grupo portugués da Licenciatura en Teatro da Universidade do Minho, que se presenta en Santiago o xoves 7 con Os figurantes, un exercicio escénico a partir do texto do novo autor luso Jacinto Lucas Pires.

O grupo de teatro afeccionado NNC, que comezou a súa traxectoria ao abeiro da Universidade de Santiago, participa o venres 8 nesta nova edición do festival coa comedia Pim, Pam, Clown, mentres que a Aula de Teatro da Universidade de Murcia será a encargada de pechar o cartel o sábado 9 de marzo coa obra de Laila Ripoll Luz en tinieblas.

A entrada para as seis funcións do Festival Internacional de Teatro Universitario do campus compostelán é gratuíta, previa retirada das localidades no despacho de billetes do Salón Teatro, que abre ao público desde as 19.00 horas.

Ensaios de Días sen gloria
O teatro universitario dará paso ao equipo de Días sen gloria, produción do Centro Dramático Galego (CDG) a partir do texto de Roberto Vidal Bolaño, que a partir do día 13 se instalará na sede da compañía pública para o último período de ensaios antes da estrea que terá lugar o venres 5 de abril. Baixo a dirección de Fefa Noia e con Manuel Manquiña, Eva Souto, Sergio Zearreta, Felisa Segade e Borja Fernández na interpertación, este espectáculo é unha das principais propostas da compañía pública dentro da programación especial que dedica este ano ao autor homenaxeado no Día das Letras Galegas.

Porén, o sábado 16 de marzo o Salón Teatro fará un alto neste mes intensivo de ensaios para ceder varios dos seus espazos ao Festival Internacional de Narración Oral Atlántica, que celebrará aquí a súa xornada de clausura. Así, o ambigú acollerá ás 17.00 horas un minimaratón de contos para bebés, mentres que no escenario celebrarase ás 17.30 h o maratón de contos para nenos e, a partir das 20.30 h, a gala de clausura na que participarán todos os narradores do festival, así como os convidados de Galicia e Asturias.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal